top of page

a

G

l

METODOLOXÍA

A nosa escala de avaliación

Habitualmente as axencias de verificación clasifican o grao de veracidade da información en función dunha escala propia. A realidade é unha paleta de grises e non sempre é posible afirmar que unha información é totalmente verdade ou totalmente mentira. Tamén existen verdades a medias e, por suposto, mentiras máis graves ca outras. 

A escala de avaliación de VerifiGal está baseada na simboloxía utilizada para dar o parte meteorolóxico, pois esta é coñecida por toda a poboación independentemente da súa idade ou da súa formación educativa, é dicir, é unha simboloxía coa que toda á sociedade está familiarizada. 

Verdade

Se a información vai acompañada polo sol, isto quere dicir que o que se está contar é algo TOTALMENTE VERDADEIRO

Verdade a medias

Este símbolo de nubes e claros indicará que esa información ten algo de verdade, pero NON É DE TODO PRECISA ou está un pouco manipulada ou descontextualizada. 

Mentira

Se aparece o símbolo da nube, isto quere dicir que a información é TOTALMENTE FALSA e, polo tanto, con ela búscase manipular a opinión pública ou causar caos. 

Mentira moi grave

Este símbolo, que se asocia coa treboada, sinala que esa información é unha mentira de ENORME GRAVIDADE. Usarase nos seguintes supostos: ​

  • Cando a información sexa totalmente falsa e fora dita ou difundida por unha persoa de moita relevancia pública.

  • Cando a información sexa totalmente falsa e con ela se busque atentar contra un colectivo vulnerable (persoas da comunidade LGBTIQ+, persoas inmigrantes, vítimas de algún tipo de violencia, persoas menores de idade, ...)

Como verificamos a información?

Todos os días, o equipo de VerifiGal presta atención ás declaracións e publicacións en redes sociais levadas a cabo por persoas que teñen certa relevancia pública no territorio galego (políticas e políticos, xornalistas, artistas, creadores de contido e persoas con postos de importancia nas diferentes administracións públicas).

 

Alén do anterior, en VerifiGal dispomos dun número de teléfono (603 40 54 91) onde calquera persoa pode mandar un WhatsApp para pedir que se leve a cabo a verificación dun contido en específico, independentemente do ámbito ao que pertenza a información.  

Outro factor á maiores que se ten en conta para escoller a información que é verificada, é o da viralidade. Actualmente, é a través das redes sociais onde se divulgan a maioría dos bulos. Polo tanto, é de especial relevancia que o noso equipo vixíe o que se está a contar por redes sociais, prestando atención, sobre todo, aos contidos que teñen máis alcance. 

Cando o equipo de VerifiGal toma a decisión de abordar unha información, segue a mesma metodoloxía que Polígrafo, unha axencia de verificación portuguesa. Os procedementos impulsados por ese medio de comunicación son os seguintes:

1. Consultar a fonte orixinal da información.

2. Consultar fontes de carácter documental que poidan apoiar o proceso de verificación.

3. Escoitar ás persoas ou institucións implicadas na información, dándolle a oportunidade de explicala. 

4. Contextualizar a información. 

5. Avaliar a información de acordo coa escala de avaliación.

Outra vaca no millo? Vémonos na rede!

  • TikTok
  • Instagram
  • Twitch
  • Facebook
  • Whatsapp
  • X

Subscríbete á nosa Newsletter!

© 2024 by VerifiGal Cooperativa and secured by Wix

bottom of page